Crónica 13ª Xornada Galega Sur
T. ABC Vigo - 7A9CAFyD
#lendiñafutsal: Ao 7A9CAFyD escapaselle a vitoria no campo do lider no ultimo minuto.
Un gol do ABCVigo a falta de trinta segundos para o remate do partido privou ao 7a9CAFyD dun meritorio triunfo no campo do equipo que ocupa a primeira posición no grupo sur da liga autonómica de fútbol sala. Nun partido moi disputado, no que a vitoria podería ter sido para calquera dos dous bandos, os xogadores do 7A9CAFyD foron quen de darlle a volta ao marcador na segunda metade e de situarse moi preto de encaixarlle ao equipo vigués a súa primeira derrota. Mais, no último suspiro chegou o tanto do local José Carlos que fixaba o 3-3 definitivo.
Remontada no segunto tempo.
O 7A9CAFyD arrincou con boas sensacións este igualado encontro e aos 2 minutos xa se atopaba por diante no marcador grazas a un tanto de Víctor. Pero o ABCVigo non tardou en darlle a volta a contenda e dous goles case que consecutivos situárono cunha vantaxe de 2-1 cando non transcorreran máis de 6 minutos desde o inicio da contenda. Tralo descanso chegaron os mellores momentos dos nosos, que primeiro empataron o partido cun gol de Pelao, no minuto 27, e acto seguido se colocaron cun 2-3 favorable grazas ao tanto anotado por Nando. De aí en diante, o 7a9CAFyD amosouse firme fronte aos intentos do líder de evitar o primeiro tropezo da tempada. Mais cando este semellaba máis preto ca nunca e os vigueses competían xa con porteiro xogador, chegou o empate que pechaba un partido no que ambos conxuntos dispuxeron de ocasións suficientes para sumar os 3 puntos.